Tuesday 14 de May de 2024

Vinte centros educativos da provincia da Coruña participaron na Festa do Correlingua 2023, que tivo lugar este venres ao pé da Torre de Hércules


A festa, promovida pola Asociación Cultural Correlingua co apoio do Concello, comezou este venres cunha andaina desde o pavillón de Riazor, a prol da normalización lingüística do galego

Alumnas e alumnos adscritos a vinte colexios e institutos da provincia da Coruña participaron hoxe no Correlingua 2023, unha iniciativa promovida pola Asociación Cultural Correlingua, coa colaboración do Concello. A cita comezou ás 11.00 horas cunha andaina desde o pavillón polideportivo de Riazor e congregou, posteriormente, a rapazas e rapaces de centros educativos da cidade e tamén dos concellos de Arteixo, A Laracha, Cambre, Carral, Cerceda, Laxe, Oleiros e Vimianzo, que festexaron a xornada na contorna da estatua de Breogán, ao pé da Torre de Hércules.

Alí, e tras a lectura dun manifesto a cargo do alumnado presente, a alcaldesa, Inés Rey, recoñeceu o compromiso amosado polas xeracións máis novas “coa normalización lingüística e a posta en valor da lingua galega, un patrimonio de valor incalculable e que debemos coidar con agarimo”.

Inés Rey lembrou, ademais, a importancia de que “se asuma tamén desde as Administracións públicas, desde as institucións, este compromiso coa normalización lingüística do galego, que debe partir de todas e todos nós”, e animou aos máis novos a facer uso da lingua galega.

Foi a vixésimo terceira edición da Festa do Correlingua, unha actividade que se levou a cabo baixo o lema ‘Na casa, na escola, bota a lingua fóra!’, e que conta co apoio do Concello da Coruña, a través do servizo municipal de Normalización Lingüística.